sábado, 27 de diciembre de 2008

Como unha novela, de Daniel Pennac



Lin fai uns anos este ensaio. Pennac sinala que
"Reler non é repetirse, é seguir dando novas probas de amor infatigable..., é engaiolarnos nunha permanencia, e atopala cada vez máis rica en novas marabillas...A repetición dá seguridade."

Cada vez que o releo, síntome máis segura.
Como docente, para abordar esa hora de ler que tanto me fai gozar. É un acto de amor, indubidablemente.
Como nai, pois comprendo certas actitudes adolescentes que antes recriminaba.
Como lectora, porque non me sinto na obriga de ler ata a derradeira páxina dun texto que supostamente é unha obra mestra e que se me resiste, esquecendo que os bos libros non envellecen coma nós, agárdannos nos estantes a que chegue unha mellor ocasión.

Como unha novela cuestiona os prexuízos que tanto lectores/as, como educadores/as como pais/nais temos respecto á lectura.
É un visión poliédrica, flexible, chea de matices que, especialmente os/as docentes non deberiamos obviar, porque a liña que separa o amor do odio á lectura é moi sutil.
Nós temos un potencial reservado a certos Magos que nestas datas nos visitan, o de conceder desexos. "Dádelle a un neno ese desexo e despois esquecede o resto (...) calquera método halle valer" (Rousseau)

"Todas as súas lecturas eran un regalo. Nunca nos pedía nada a cambio. Cando a atención dalgún de nós decaía, paraba un momento, miraba ó soñador e asubiaba feblemente. Non era unha amoestación, era unha leda chamada á conciencia. Nunca nos perdía de vista. Desde o máis profundo da lectura ollábanos por riba do libro. Tiña unha voz sonora e luminosa, coma de veludo, que enchía o espazo da aula como podería encher un anfiteatro, un teatro, o campo de Marte, sen pronunciar nunca unha verba máis alta ca outra. Instintivamente medía a capacidade dos nosos cerebros. Era a caixa de resonancia natural de tódolos libros, a encarnación do texto, o libro feito home. Na súa voz descubriamos de súpeto que todo aquelo fora escrito para nós"

(Como unha novela, capítulo 36)

Se queres ler algúns parágrafos seleccionados do libro de Pennac, pincha aquí.

No hay comentarios: