sábado, 13 de diciembre de 2008

"Ernesto bo día", un conto de película


Cando rematei de ler o conto Ernesto bo día, non atopaba cualificativo para definilo. Tiven as mesmas sensacións que cando saes do cine de ver unha desas películas que entran a formar parte do teu universo persoal; durante unhas horas segues inmersa nos espazos e nos tempos do filme, os protagonistas acompáñante pola rúa e tes unha necesidade imperiosa de compartir as bondades dunha obra ben feita. -Xa sei -pensei-, Ernesto bo día é un conto de película.

De principio a fin está repleto de elementos cinematográficos. Non só conta con ingredientes habituais para o éxito mediático: un protagonista idílico, propio dunha estrela de cine( que desexarías como noivo sen dúbida algunha: -"Eu pídome de Reis un noivo como Ernesto"-), unha historia de amor e tenrura, un toque de humor, unha mensaxe de optimismo e sabedoría...

Pero realmente o chamativo é o tratamento do espazo e do tempo, que neste conto ten unha relevancia especial. O paralelismo dos dous escenarios da historia, o camiño que percorre Ernesto e a casa da súa amada, Henriqueta. Os primeiros planos de Ernesto por unha banda e, a través do texto, de cada un dos membros da familia de Henriqueta por outra.

O tempo, na súas dúas vertentes, atmosférico e cronolóxico, determinan a historia dende a primeira liña, é o leif motiv da mesma. Xa nas primeiras páxinas, o autor anuncia a importancia do paso do tempo nesta historia: "a cita era as seis en punto, nin un minuto antes, nin un minuto despois" O tempo atmosférico dilata o cronolóxico mantendo a tensión ata o último instante. O reloxo é un "personaxe" máis, que marca o pulso da narración.

E, como toda historia de amor, contamos cun abrazo de final de película.
Cando pensabamos que rematara o conto, o escritor sorpréndenos cunha reflexión final que recupera, como unha pescada que se morde a cola, o personaxe do avó, a súa filosofía da vida, que Ernesto herdou e que permite que ata o tempo poida ser modificado: "e merendaron as sete en punto, nin un minuto antes, nin un minuto despois"

"Ernesto bo día" é outro acerto editorial de OQO. É un agasallo que non pode faltar na carta ós Reis deste novo ano.

3 comentarios:

CEIPARUA dijo...

De acordo, convencido, terei que mercalo!!

Rosana dijo...

Neniña!!! Que non teño tempo, que teño que estudar... Pero que ganas de ler a Ernesto e tamén ó Cobertor de Estrelas!!!

Ana dijo...

Ernesto bo día son só 10 minutos do teu valioso tempo e paga a pena. Podo prestarcho, só tes que pedirmo.