viernes, 5 de diciembre de 2008

Homenaxe a Tonucci





Un vello cunha orella verde


Un día, no expreso Ourense-Ousende,
vin subir un home cunha orella verde.

Novo xa non era, máis ben vello se facía,
agás a orella, que verde seguía.

Mudeime de sitio para estar ó seu lado
e observar o fenómeno ben mirado.

Díxenlle: Señor, vostede xa ten certa idade,
dígame, ¿esa orella verde élle dalgunha utilidade?

Contestoume amablemente: Eu xa son unha persoa vella
pois de novo só teño esta orella.

É unha orella de neno que me serve para oír
cousas que os adultos non se paran xamais a sentir.

Oio o que din as árbores, os paxaros que cantan,
as pedras, os ríos e as nubes que pasan.

Oio tamén as nenas cando contan cousas
que a unha orella vella semellarían misteriosas...

Así falou o señor da orella verde
aquel día, no expreso Ourense-Ousende.


-Versión galega do poema orixinal de Gianni Rodari
-





Francesco Tonucci é investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía da Cognición do Consello Nacional de Investigación italiano (CNR), en Roma. A súa actividade profesional dirixiuse ó estudo do pensamento e comportamento infantil, na familia, na escola, na cidade... Dende 1997 a1999 presidiu o comité TV-nenos. Recoñecido debuxante, asina as súas viñetas como FRATO. Entre os seus libros destacan Con ollos de neno (1987), A soidade do neno (1994) e A cidade dos nenos: un novo modo de pensar a cidade (1996). É o creador e o responsable do proxecto internacional A cidade dos nenos, que propón ós administradores/as cambios nas cidades asumindo ós nenos/as como parámetro ambiental e de sostenibilidade.

No hay comentarios: