lunes, 17 de agosto de 2009

Camiño de Santiago a Fisterra




Camiño de Fisterra - Muxía


Esta ruta xacobea, ten a súa orixe na cidade de Santiago e a súa meta no cabo Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca.

Case dende o achado do sepulcro do apóstolo Santiago (s. IX), determinados peregrinos decidían prolongar a súa viaxe até a Costa da Morte, que era para os antigos a punta máis occidental de Europa, o treito final dun itinerario marcado no ceo pola Vía Láctea.

A partires do s. XII, o Códice Calixtino vencella estas terras coa tradición xacobea e sinala que os discípulos de Santiago viaxaron a Dugium, actual Fisterra, na procura da autorización dun legado romano para soterraren ao Apóstolo en Compostela e que alí foron encarcerados. Lograron fuxir, e a piques de seren alcanzados, cruzaron unha ponte que se esborrallou ao paso da tropa romana que os perseguía.

A tradición xacobea do finisterrae galego alicérzase en dúas das devocións máis populares de Galicia; o Santo Cristo, en Fisterra, do que o licenciado Molina (s. XVI) di que a el "acoden os máis romeiros que veñen ao Apóstolo"; e A Virxe da Barca, en Muxía, que segundo a tradición acudiu a este fermoso lugar nunha barca de pedra para lle dar azos a Santiago na súa predicación.

Fonte: xacobeo.es