sábado, 9 de mayo de 2009

POLO FUTURO DA ESCOLA, É HORA DE MOBILIZARNOS!


Zapatero equivócase


Debo confesar que, ás veces, peco de inxenua. Cando lin a LOE e escoitei un discurso que me era familiar: a aprendizaxe en grupos cooperativos, por proxectos , a resolución de problemas... pensei que, por fin, os/as lexisladores/as comprendían cal era o camiño, quizás obrigados/as polos malos resultados das probas PISA.

Parecía unha senda sen retorno, que levaría tempo e esforzo, pero sen volta atrás. Ata me lancei, nisto das competencias, á procura da miña competencia dixital, case camiñando da man dos meus propios alumnos/as.

Foi entón cando escoitei a un compañeiro falar do software libre fronte ó privativo, de compartir aprendizaxes, información, de colaborar... e fixen miña esta filosofía, coherente cos meus principios pedagóxicos.

Co anuncio de Zapatero de regalar un portátil a cada alumno/a de Primaria con software privativo co fin de dixitalizar o sistema educativo, colaborando cóbado con cóbado coa industria editorial e con operadores de telefonía, quedei en principio perplexa e, acto seguido, pasei á indignación.


Por que substituímos o libro de texto en papel como ferramenta básica na aula polo libro de texto virtual?


O traballo por competencias non implicaba un cambio metodolóxico que deixaba nun 2º plano ó libro de texto?


Non chega coa gratuidade de libros de texto, que agora imos perpetualos adornándoos cunha aureola de modernidade?


Que uso se van facer das tecnoloxías? Serán unha ferramenta para unha aprendizaxe significativa ou un novo envoltorio dos caducos libros de texto?


Por que obviamos a aposta que algunhas CCAA están facendo polo software libre, se este fomenta valores tan importantes como a cooperación, solidariedade, a aprendizaxe compartida..., todos eles piares da LOE?


Que pretende a Administración, comprar votos, cun custe económico mínimo, favorecendo a catro empresas privadas, sendo unha vez máis incoherente coa súa propia lexislación educativa?


Acaso pretende “modernizar” a escola (Escola 2.0) sen analizar o currículo oculto que esta decisión implica?


Por todo o anteriormente exposto, demando ó goberno de Zapatero que rectifique a súa decisión e utilice o investimento económico previsto en impulsar a formación do profesorado en TIC dende un punto de vista competencial, dotar ós centros de máis e mellores recursos tecnolóxicos e dar un pulo significativo á utilización dos software libre na escola.


Noticia onde se recolle a iniciativa do goberno

Neste blog Eduardo Larequi fai unha magnífica análise da iniciativa do goberno que non debedes de deixar de ler.






O galego SUMA



Belén Regueira, xornalista galega, recibiu o premio Mestre Mateo á mellor comunicadora galega de TV do ano 2008. Sintetizou valentemente, na súa intervención, a situación actual que está a vivir o galego. Atreveuse a dicir publicamente o que moitos pensamos e algúns non querer oír...





Apoia o manifesto a prol da CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA e da IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO.


Hoxe é máis necesario que nunca,
PARTICIPA NA MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO!!




No hay comentarios: